Monday 06 de May de 2024

Rexeitado o orzamento de 9 millóns para Ordes


O voto en contra da oposición impide incrementar partidas destinadas á mellora dos Servizos Sociais, Deporte, Educación, Cultura e Investimento. Tesourería destaca deles “o saneamento das contas municipais; a sustentabilidade do servizo; e o incremento en políticas sociais, emprego, fomento económico e produtividade”
O orzamento de 9 millóns de euros presentado polo Goberno de Ordes no pleno que tivo lugar onte non saíu adiante polos votos da oposición. Unha negativa que impide continuar co procedemento para a entrada en vigor dunhas novas contas que se incrementan case o 6% con respecto ás do exercicio pasado.

Este rexeitamento supón que queden pendentes investimentos por unha achega de 450.000 € provintes de fondos propios. Uns cartos destinados a obras e infraestruturas en bens destinados a uso xeral (174.000 €), aparcamento da zona do Valado (29.500 €), novo ximmasio do pavillón Campomaior (108.500 €), mellora de instalacións deportivas (33.000 €) entre outras. En termos xerais sobresaen o 1.741.000 €, o 19,34% do total dos orzamentos, destinados a investimentos. Neste senso o informe emitido por Tesourería asegura que estes “preséntanse nivelados, dando cumprimento ao disposto pola lei no senso de que deben aprobarse sen déficit inicial”.

No dito informe os novos orzamentos “caracterízanse polo mantemento de servizos esenciais, con especial dedicación aos colectivos máis desfavorecidos”. As liñas fundamentais son “o saneamento das contas municipais mediante a contención do gasto público; a sustentabilidade dos servizos municipais fundamentais; o mantemento dos créditos ás políticas sociais, de emprego, fomento económico e investimentos produtivos”. Aumentarían as partidas destinadas a “políticas sociais (gastos sociais, educativos, deportivos e culturais), ao igual que as actuacións de protección e promoción social (máis do 13%). O mesmo ocorre nun 27% no caso da produción de bens públicos de carácter preferente (educación, cultura e deporte) e todo grazas a un maior control do gasto nos servizos xerais e cunha diminución dos custos de órganos de goberno. Tamén se inclúen créditos suficientes para posibles recoñecementos extraxudiciais de créditos”.

Con todo isto os orzamentos cumpren co disposto na Lei orgánica de estabilidade financeira ao presentar unha capacidade de financiamento de máis de 1.031.000 €, e cumprir coa regra de gasto e co límite de débeda.

No apartado de mocións o BNG viu aprobadas coa unanimidade de todos os grupos as súas peticións. Estas atendían á instalación paulatina de contedores soterrados para o lixo e outros integrados especialmente en zonas protexidas, así como emprender campañas de sensibilización para o mantemento do ornato público, o coidado do aspecto exterior e o mantemento en bo estado das cabinas telefónicas. Unha filosofía que corresponde co argumentario e co programa do equipo de Goberno no que se refire ao mantemento e acondicionamento dos espazos públicos. Tamén se instará a Fomento para a creación dun enlace da circunvalación a Ordes coa estrada DP-3802 Ordes-Ponte Carreira polo viaduto da Agra de Vello, e prever un paso superior pola circunvalación na estrada que comunica A Eirexe coa N-550, na parroquia de Pereira

Ante a solicitude da voceira socialista de dar publicidade aos contratos menores na páxina web do Concello o Goberno Local informou da próxima publicación das actas da xunta de goberno no mesmo espazo, documentos onde se dá conta das facturas e pagos efectuados. Na quenda de debate o BNG advertiu do risco que isto suporía para a axilidade da actividade realizada polos traballadores municipais.

Fonte de Esmorís
No momento dos rogos o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, deu conta “que a retirada da pasarela de madeira situada na fonte de Esmorís foi unha actuación necesaria para poder executar as obras de arranxo deste manancial, tal e como solicitaron os titulares desta”. Unha vez máis o rexedor insistiu en que o Concello de Ordes non é o propietario nin titular da dita fonte, e que o feito de que leve dous meses sen servizo non é por mor do Concello. Concretou que o problema deriva da rotura do depósito interior, o cal se vai substituír por un novo ao longo da vindeira semana. Tras isto, e de xeito inmediato, o Concello volverá recolocar a pasarela.